domingo, 10 de enero de 2016

Recordos da Guerra Civil.

O meu avó Santiago contoume que dous de seus irmáns participaran na guerra civil. O maior deles, Xosé, incorporárase en Ferrol, o 15 de agosto do 1936, aos 22 anos. Dalí fora para Asturias, onde combatira, ás ordes do xeneral Alonso, da 81 división. Unha vez tomada Asturias, dirixíranse a Zaragoza e alí, estivo ao servicio do capitán, facendo labores administrativas. Despois marcharan en dirección a Castellón. Precisamente, nesta cidade, un cañonazo penetrara na sede administrativa, onde él se atopaba, xunto a nove compañeiros máis, resultando todos mortos, agás él.
Mais tarde, cando se dirixían a Valencia, permaneceran no barco tres días, no medio dos bombardeos enemigos. Pasaran moito medo, porque ademais, complicárase o estado do mar e non podían desembarcar.
Posteriormente, trasladáranse a Calahorra, en Logroño.
Durante a batalla do Ebro, tivo noticias de seu irmán, que o reclamaran, aos 18 anos, para incorporarse á división 82, do xeneral Varela.
A este irmán, Crisanto, tocáballe suministrar víveres e municións á compañía, coa axuda dunha mula.
Na batalla ultimamente citada, cando acababa de cruzar o Ebro, onde moitos dos seus compañeiros atoparan a morte, un disparo fixo voar polos aires a munición e máis o animal de carga, resultando él ileso.
Despois de acabar a guerra, volveron sans e salvos, para alegría de seus pais e da familia.

Da posguerra, tanto meu avó, que contaba cando aquela acabou con 16 anos de idade, coma miña avoa, dez anos máis nova, recordan que foron anos de miseria e pobreza. De todos os xeitos, eles considerábanse privilexiados, porque ao vivir no mundo rural e adicarse á gandaría e á labranza, nunca pasaron fame nin necesidade.
Miña avoa relataba que seu pai era un home moi organizado e previsor e comprara moita mercancía ao principio da guerra, cando aínda se podía e non escaseaba, previndo o que se aveciñaba: azucre, aceite de oliva, café, gas para as lámpadas,..Logo xa se dependería das famosas "cartillas de raciocinio" e había produtos que eran moi caros e difíciles de conseguir.
Froito da necesidade e da pobreza era a moita xente que mendigaba polas casas. Algúns viñan de moi lonxe e outros de máis cerca, coma da cercana vila de Vilalba. Un día miña avoa contara 23 mendigos/as. Meus bisavós dábanlles patacas, pan, trigo, incluso compartían con eles/as comida e lles deixaban durmir na cociña, ao lado da lareira.
Eran tempos de escenas moi tristes, de mendicidade, de fame, de miseria...

No hay comentarios:

Publicar un comentario