Se hai unha persoa
moi especial na miña vida, esa é a miña avoa materna Lucía. Sempre foi moi
cariñosa, xenerosa e moi familiar. Na actualidade conta con 82 anos e repite,
cada vez que nos xuntamos os dezaseis membros da mesma, que eses son os días
máis felices da súa vida.
Gústalle moito
reunirse cos seus arredor da súa cociña de leña, que teñen na súa casa de
Goiriz (Vilalba). E pasa horas contándonos aventuras da súa infancia e da súa
mocidade. Recorda con moita nostalxia e cariño os seus antepasados, pero sobre
todo a seu pai José e a unha tía materna solteira, que vivía con eles e que se
chamaba María Antonia.
Seu pai era moi
traballador e moi cariñoso coas fillas. Ensinoulles a ler e preocupábase de
mandalas á escola durante o inverno, polo menos, porque cando había que facer
labores de labranza, miña avoa non podía ir á escola, xa que tiña que axudarlle
a seu pai. Ela era a única das cinco irmás que lle axudaba a seu pai. A filla máis
vella quedaba na casa gobernando. A segunda ía coser. A cuarta e a quinta, xa
que a miña avoa era a terceira da irmandade, eran sete e dez anos menores ca ela. Era un home forte e
emprendedor. Foi ás segas a Castela varias veces e facía o labor que lle tocaba
a él e parte da dun medio irmán que ía canda él. Daquela non había tractor nin
maquinaria. Él cargaba os carros de toxos e miña avoa con seis anos xa llos
gramaba. Dicía sempre que mentras vivira non quería desfacer o matrimonio, pero
se él morría despois da súa muller , que lle gustaría acabar os seus días coa
súa filla Lucía. Pois a casa dos patróns quedáralle á filla máis vella. E, de
feito, morreu de repente, posiblemente debido a un infarto do corazón, aos 68
anos, na casa da filla, un 28 de xaneiro do ano 1966, cando estaba xantando.
A tía dela, María Antonia,
era moi cariñosa e mimábaa moito. Conserva moitos recordos bonitos dela. E non
deixa de emocionarse cada vez que se lembra. Miña nai tamén me ten contado que
a recorda encamada, pois morreu cando miña nai tiña cinco anos, e cada vez que
ían a vela dicíalle que collera da súa mesiña de noite unhas moedas que tiña
gardadas para ela.
Pois, continuando
coa descripción da miña avoa, teño que dicir que ten unha memoria prodixiosa.
Aínda hoxe recorda moitísimas datas e datos que non son doados de recordar e
máis aos seus anos. Sempre lle gustaron moito os animais e a horta. Coñece
moitas plantas e os seus usos. Estou convencido de que sería unha magnífica
bióloga, se tivera oportunidade de facer unha carreira universitaria. Sempre
valorou moito a cultura nunha persoa. Ela sacrificouse sempre moito, coa axuda
do meu avó porque os fillos e as fillas (dúas e dous) puideran estudar e ir á
universidade. Ensinoulles a ler. Miña nai tenme contado que cando ela empezou a
escola tiña seis anos, era a Escola Unitaria de Goiriz, e non podías ir antes
de ter cumpridos os seis anos, e xa sabía ler. E coma ela seus irmáns.
Meu avó materno
Santiago era carpinteiro e era tamén moi traballador. Axudáballe a miña avoa
nos labores de labranza e miña avoa axudáballe a él a ferrar as rodas dos
carros e a preparar a madeira, sobre todo no inverno, cando non tiña tanto
traballo no campo. Tamén lles axudaba aos fillos con algunhas tarefas do
colexio. A miña nai ensinoulle a dividir por dúas cifras. Él lía sempre o
xornal e meu tío Xosé, que é tamén meu padriño, con catro anos, xa lía algúns titulares
do xornal.
Meu avó era o
secretario e axudante do seu mestre. Era moi bó estudante, pero seus pais non
lle deixaron ir á universidade, porque xa facía a carreira de enxeñeiro
agrónomo un irmán del e os dous non podían ir. Aprendeu a carpintexar con outro
irmán maior. Na casa dos meus avós aínda conservan os dormitorios, as mesas,
cadeiras, un banco de fermosa marquetería, portas, ventás, zócalos e o piso de
madeira que fixo él. Ten na actualidade 92 anos, que cumpriu o pasado 14 de
novembro e é moi bó conversador.
Aquí deixovos un enlace á miña árbore xenealóxica.
Aquí deixovos un enlace á miña árbore xenealóxica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario